O noso monte: posibilidade de futuro!

Unha das consecuencias do modelo socioeconómico no que vivimos é a destrución dos modos de vida tradicionais, que no noso País se corresponden co medio rural. Á súa vez, supón un abandono dramático do monte e un desaproveitamento dos potenciais que del se derivan, como por exemplo o forestal. Os lumes que cada ano destrúen o noso patrimonio natural son a cara máis infame das consecuencias do abandono. Imaxinar o monte como unha posibilidade real de futuro non é ningunha utopía, e moitos e moitas cremos nel como alternativa económica de primeira orde.

Aproveitamentos e usos alternativos do monte

Este sábado teremos a oportunidade de conversar e aprender sobre isto. Contaremos coa presenza de dous expertos que nos achegarán, dende dous enfoques distintos, que aproveitamentos son posibles na nosa realidade de hoxe. Manuel Giménez é enxeñeiro de montes e Fuco Barreiro é Presidente da Sociedade Cooperativa Monte Cabalar. Ofrecerannos as súas visións e experiencias sobre outros usos con capacidade para poñer en valor o noso potencial forestal e as súas múltiples vantaxes.

Será ás doce da mañá, na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres, en Cuntis. A dinamización e a posta en común de ideas e posibilidades é parte da tarefa que Veciñanza asume como propia. Que non falte ninguén!

Share

Tamén pode gustarche...